Ciencia y Tecnología Destacados

Pasaporte para novas vocacións

Máis de 9.000 persoas disfrutarán desta iniciativa.
Máis de 9.000 persoas disfrutarán desta iniciativa.

Duvi/ “Captar talentos non é só que veñan ao Campus do Mar os grandes cerebros investigadores, senón tamén crear futuras vocacións tecnolóxicas e científicas dentro do ámbito mariño. Así explicaba Elsa Otero, directora da área de Docencia e Captación de Talento do Campus do Mar os obradoiros que estes días este proxecto levou ata a praia de Samil para convertir a nenos e maiores en científicos por un día. Unha iniciativa que xa pasou por dous dos areais máis multitudinarios de Galicia, Riazor e Baltar, e que agora fai na praia viguesa a súa última parada. Nove obradoiros dispostos en 250 metros cadrados nos que os participantes farán sinxelos experimentos guiados por divulgadores científicos cos que ir selando un particular pasaporte que lles servirá para acadar un agasallo que levarse de recordo, un completo kit mariñeiro. Dende que hai unha pinga de auga ata calcular a idade dos peixes ou coñecer como funcionan as correntes mariñas, un sinfín de actividades gratuitas para todos os públicos e todos os gustos, aínda que as verdadeiras estrelas son a pesca con cañas, nas que os participantes poden simular a captura de peixes e ver se teñen o tamaño axeitado, e o funcionamento das dunas, que teñen que simular con palas e rastrillos en man.

Os obradoiros estarán en funcionamento dende hoxe e ata o domingo 28 de agosto, de 10:30 a 19:30 horas de xeito ininterrumpido. Aínda que entre o público destaca a presenza de nenos e nenas, os pais que os acompañan sempre acaban participando dun xeito moi activo e hai máis dun avó que acode só para gozar do Campus do Mar na Praia, que propón actividades para o achegamento das ciencias e tecnoloxías mariñas á sociedade. “Queremos concienciar á xente de cuestións tan importantes como o clima e facer entender a importancia do mar non só como fonte de alimento, senón tamén como elemento que inflúe diariamente nas nosas vidas. Queremos xerar curiosidade por coñecer o medio mariño, xa que só entendendoo poden respetalo“, recordou Otero.

Máis de 9.000 visitas

O bo tempo e a atractiva metodoloxía dos obradoiros garante o éxito do Campus do Mar na Praia, que espera superar as 9.000 visitas ao rematar a iniciativa esta fin de semana. Unha boa forma de contemplar a ciencia como parte do tempo de lecer estival e de dar a coñecer o traballo levado a cabo pola comunidade investigadora, favorecendo o contacto entre institución académica e a sociedade, que verá dende unha perspectiva lúdica as potencialidades do Campus do Mar, un proxecto transfronteirizo no que participan máis de 3100 investigadores e tecnólogos de 23 institucións. “Esta divulgación científica é de grande importancia para transmitir a sensibilidade que se mostra polo mantemento destes complexos sistemas biolóxicos nunha cidade con gran tradición de mar como é Vigo”, asegurou o alcalde Abel Caballero durante unha visita aos obradoiros coa concelleira de Medio Ambiente, Igualdade e Xuventude, Chus Lago.

También te puede interesar