_agenda Agenda

Toda unha vida no mar contada arredor dun café

Catro homes que viviron practicamente toda a súa vida vencellados ao mar compartirán as súas experiencias, boas e malas, arredor dun café. Trátase dos ‘Faladoiro’, unha actividade organizada polo Museo do Mar de Galicia baixo o título de ‘Toda unha vida no mar’ no que todos os primeiros xoves de cada mes haberá un encontro aberto á cidadanía. O primeiro, esta tarde (17:30 horas) no que Isidro Ambrosio, patrón de costa e pesca, contará o seu devenir.

Os seguintes en participar serán o capitán de pesca Carlos Lago, o patrón de baixura Celso Comesaña e o patrón de altura Leopoldo Estévez, todos eles homes que tiveron o mar como medio de vida e que pasaron nel a meirande parte dos seus anos, polo que poderán, mellor que ninguén, transmitir de primeira man as súas experiencias e o saber que estas implican.

Os inicios no mar de todos eles chegaron moi cedo, polo que son claros exemplos de persoas que pasaron Toda unha vida no mar. No caso de Celso, comezou aos nove anos nunha gamela en Coruxo, acompañado de seu pai; mentres que Isidro xa preparaba a comida ao resto dos tripulantes coas brasas do caldeiro do barco cando contaba soamente con doce anos. Leopoldo garda lembranzas inesquecibles do frío que pasaba ao chegar a Terranova e das borrascas do Gran Sol, que considera sen dúbida as peores, e Carlos, pola súa banda, procede dunha familia ligada á pesca e viaxou por case todo o mundo a bordo de grandes conxeladores.

Os interesados en participar nesta actividade poden inscribirse a través da web do mesmo (www.museodomar.com) ou ben chamando ao número de teléfono 986 24 76 91 de luns a domingo en horario de 10 a 14 horas.  O número de prazas dispoñibles é limitado.

 

También te puede interesar