Ciencia y Tecnología Galicia

Todo sobre os produtos que compramos nunha soa lectura

Os investigadores José Antonio Gay, Isabel Expósito e Íñigo Cuíñas.
Os investigadores José Antonio Gay, Isabel Expósito e Íñigo Cuíñas.

Duvi/ Co auxe dos produtos ecolóxicos entre os consumidores crece tamén a demanda de información sobre a orixe, elaboración e distribución dos alimentos que mercan. Un proxecto financiado pola Unión Europea, no que participan dez organismos de seis países, está a traballar no deseño dun sistema que, mediante identificación por radiofrecuencia, permita crear unha base de datos europea. A través desta base produtores, fabricantes, distribuidores e consumidores poderían coñecer toda a información dos produtos, dende a orixe ata a temperatura na que se conservan, sistemas de almacenamento, tratamentos aos que foron sometidos, ingredientes, aditivos, etc.

Neste proxecto comunitario RDFI From Farm to Fork traballa un grupo de investigadores do Departamento de Teoría do Sinal e Comunicacións dirixido polo profesor Íñigo Cuiñas, que explica que se trata de usar sensores que recollen os datos dende a orixe, sexan as plantacións, granxas, barcos… e “mediante un sistema de antenas e receptores envian toda a información de cada paso que sigue o alimento ata que chega ao consumidor a unha base de datos europea”. O uso desta tecnoloxía RFID (identificación por radiofrecuencia) permitiría que, por exemplo, un bodegueiro coñecese a orixe das uvas que merca, a temperatura ou humidade á que foron sometidas ou calquera tipo de dato que precise para poder elaborar ou envasar o viño con coñecemento do produto de orixe. O mesmo lle permitiría ao distribuidor, que accedería á información precisa sobre as condicións ideais de transporte ou almacenaxe e, finalmente, o consumidor tería acceso a alimentos cunha trazabilidade demostrada, dende a orixe ata a mesa.

Adeus aos códigos de barras

Este sistema, se as implantacións piloto que se están comezan a facer en pequenas e medianas empresas dos países participantes teñen resultados positivos, permitiría nun futuro eliminar os códigos de barras dos produtos. “Estes códigos precisan dun lector que se debe pasar a man por cada produto para obter a información, pero con radiofrecuencia sería substituído por antenas”, explica Cuiñas. Deste xeito o acceso aos datos da base faríase automaticamente, sempre que o alimento estivese no radio dun receptor que, a través das antenas, daría acceso á base de datos.

También te puede interesar