Cultura Destacados

Vente ao Carballal e vive unha experiencia de cine

Unha fin de semana máis a Asociación Cultural O Coto invítate a unha tarde de sábado intercambiando libros e vendo aquelas películas de calidade que non é habitual atopar nos circuítos comerciais. Esta tarde, a partir das 20 horas, tócalle o turno a ‘Vete y vive’, un filme dirixido por Radu Mihaileanu en 2005 no que se narra a Operación Moisés, unha iniciativa de Israel e Estados Unidos que durou mes e medio e que consistía en trasladar a miles de xudeus etíopes a Israel.

Neste caos, unha nai cristiana impulsa ao seu fillo a que diga que é xudeu para que non morra de fame. O neno chega á Terra Santa e, ao figurar como orfo, adoptao unha familia sefardita de Tel Aviv. E pasa toda a infancia aterrorizado porque se descubra o seu segredo: que non é nin xudeu nin orfo, só negro. Descubrirá o amor, a cultura occidental e o xudaísmo por un lado, o racismo e a guerra nos Territorios Ocupados por outro. Unha película que acadou o Premio do Público no Festival de Cine de Berlín de 2005 e o Premio Europa Cinemas.

Ao remate da proxección farase un coloquio con café de balde no que intervendrá o etíope Alex Kassa Yimer. Será no Colexio Público Carballal-Cabral.

Se tes nenos, no tempo que duren as actividades haberá un obradoiro de xogos, lectura e manualidades para eles atendido por persoal da asociación. Se queres máis información entra na web de O Coto ou chama aos 986 487 957 ou 676 524 529.

También te puede interesar