Comarcas

Mozos galegos de toda Europa fan o camiño desde Tui

A asociación ‘Xuventude Galega en Europa’, Xuga, comezou hoxe o seu percorrido cara a Santiago de Compostela a través do camiño portugués cun invitado de luxo, o alcalde de Tui, Antonio F. Fernández Rocha. Estes mozos procedentes de varios países europeos recibiron a benvida do rexidor tudense, que os animou a realizar esta peregrinaxe e agradeceulles a elección desta cidade como punto de partida do seu percorrido, xa que evidencia a importancia que posúe Tui como porta de entrada en Galicia desde o camiño luso.

A Asociación de Xoves Galegos foi creada o ano pasado en Laussane para promover unha rede social entre mozos galegos espallados en toda Europa. Un dos seus obxectivos durante a peregrinaxe é achegarse á xuventude galega estando, se é posible, en contacto con asociacións e institucións de xoves para informarlles sobre as actividades que realizan e os próximos eventos.

Ademais farán un documental con todo o material conseguido durante a súa peregrinación que servirá para a promoción e divulgación dun evento que terá lugar en Santiago no mes de maio. A temática será a “formación para os xoves e as posibilidades do primeiro emprego”, contando as experiencias persoais en diferentes países de Europa e contando coa presenza de institucións que ofrecen estes servizos.

También te puede interesar