Destacados Vigo al minuto

O catedrático Jaime Cabeza, candidato a reitor da Universidade de Vigo

Jaime Cabeza na presentación da súa candidatura
Jaime Cabeza na presentación da súa candidatura

“Moi satisfeito de asumir esta responsabilidade”, afirma sentirse Jaime Cabeza pola súa designación nas últimas horas como candidato de Nova Universidade para as eleccións a reitor que se celebrarán na Universidade de Vigo o vindeiro mes de maio de 2010. No acto de proclamación da súa candidatura, celebrado no salón de graos da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais, o candidato de Nova Universidade incidiu na necesidade de operar “un cambio de políticas e actitudes na Universidade que parta da humildade”, así como “unha aposta polas persoas, a funcionarización e a estabilización do alumnado”.

Membros de Nova Universidade e representantes de diversos ámbitos da comunidade universitaria , asistiron ao acto de proclamación do candidato a reitor de Nova Universidade no que Jaime Cabeza denunciou o “malestar” que, asegura, “xermola na institución” e que afecta a colectivos como PAS, PDI e estudantado. Así, mentres no caso do persoal de administración de servizos, Cabeza puxo de manifesto a súa preocupación polos conflitos vividos nos últimos anos e pola “inseguridade xurídica da vindeira oferta de emprego público”, no do persoal docente e investigador denunciou a “desprofesionalización” do colectivo, poñendo o acento na situación dos Parga Pondal e Ramón y Cajal aos que, afirmou, “primeiro se lles prometeu unha carreira académica que logo se lles negou”. Pola súa banda o estudantado, segundo o candidato a reitor de Nova Universidade “é vítima dun descoñecemento dos seus dereitos” no marco orixinado a raíz do proceso de adaptación ao EEES.

“A universidade das persoas”

O candidato a reitor de Nova Universidade destacou o traballo desenvolvido como catedrático de Dereito do Traballo e da Seguridade Social e mediador nalgúns conflitos laborais, como aval para “traballar polas persoas e os seus dereitos desde o diálogo”. Para Cabeza “temos que falar da Universidade das persoas e dos dereitos”, unha pretensión que pasa, segundo o candidato a reitor, por unha política en clave de equilibrio na que o diálogo e a benestar son elementos fundamentais. “Aprendín que sempre hai un punto de encontro”, afirmou o catedrático da Universidade de Vigo na que asegurou “temos que ter servizos públicos”.

Tras meses de traballo cun comité de campaña, Cabeza convidou aos asistentes ao acto de proclamación da súa candidatura a comezar unha andaina para ter unha Universidade “máis boa e xenerosa, na que caibamos todos e que estea ben alicerzada na nosa contorna”.

Equipo reitoral en marzo

Afastado da idea dunha Universidade presidencialista, Cabeza, adiantou que no seu equipo “no que existirá a codecisión” haberá unha mestura de tradición e cambio. Un equipo que confirmou aínda non está pechado, pero que “presentarei en marzo en Ourense”. Ata entón, Cabeza, non descartou unha candidatura de consenso con Alternativa Universitaria que lembrou “aínda non ten candidato”, pero sobre a que dixo “tería que cambiar a súa política 150º”.

También te puede interesar