Cultura

Milladoiro celebra o seu trinta aniversario esta noite en Caixanova

Milladoiro
Milladoiro

Caixanova

presenta ao grupo Milladoiro na súa xira “Desde Maeloc”, co gallo da celebración dos seus 30 anos de música galega polo mundo. O grupo estará en todas as provincias galegas entre os meses de novembro e decembro.

O primeiro dos concertos terá lugar hoxe ás 20.30 horas, no Teatro-Sala de Concertos do Centro Cultural Caixanova de Vigo. O día 30 deste mesmo mes, ás 20.30 horas, estarán no Auditorio Gustavo Freire de Lugo, coincidindo co noveno aniversario do nomeamento da Muralla de Lugo como Patrimonio da Humanidade. En decembro estarán o día 19, ás 20.30 horas, no Auditorio Pazo de Congresos de Ourense e o día 20, ás 21.00 horas, rematará a xira de aniversario na Coruña, no Teatro Rosalía Castro. Para festexar esta ocasión a entrada ten un prezo especial, 5 euros.

A agrupación musical Milladoiro é, sen dúbida, un dos principais embaixadores da cultura galega por todo o mundo, que ademais de participar na fusión do folclore galego con outras músicas, preocúpase por investigar sobre as novas formas artísticas do momento. Por todo iso, esta agrupación foi premiada en distintas ocasións; entre estes galardóns podemos destacar algúns como o Premio “Pedrón de Ouro” recibido en 1985, o Goya pola BSO do filme “La mitad del cielo”  dirixida por Manuel Gutiérrez Aragón en 1986, o TP de Oro nos anos 1989 e 1990, así como o Premio Castelao 2004. No 2009 recibe o Diploma da Real Academia Galega de Belas Artes Virxe do Rosario da Coruña.  

Nestes 30 anos gravaron máis de 20 discos e formaron parte de diferentes bandas sonoras de filmes como “El rey del río” de M. Gutiérrez Aragón ou “Divinas Palabras” de J. L. García Sánchez, entre outras moitas películas. Nestas tres décadas actuaron  sobre as táboas dos grandes teatros españois, como o Palau da Música, o Teatro Calderón, o Palacio de Congresos e Exposicións de Madrid, así como en diferentes teatros de todo o mundo, actuando en cidades como Lisboa, París, Bonn, Zurich, Buenos Aires, Ottawa, Seattle, Los Ángeles, Tokio, Kyoto e Osaka entre outras.  

A súa última gravación, que leva por nome “A Quinta das Lágrimas”, conta a relación amorosa entre Dona Inés de Castro e o Infante Don Pedro, por unha banda e por outra, a relación entre Galicia e Portugal. Así mesmo, Milladoiro terminou recentemente a composición e a gravación da banda sonora da película “Las galas del difunto”, dirixida por José Luís García Sánchez, quen realiza o guión, conxuntamente con Rafael Azcona, baseándose na obra homónima do escritor galego Don Ramón María del Valle Inclán.

Milladoiro xorde na década dos setenta da unión da formación tradicional nacida en Catoira, Faíscas do Xiabre, cos músicos Laura Quintillán, Antón Seoane e Rodrigo Romaní, este último abandona a formación no 2000 para continuar o seu camiño en solitario. Máis tarde incorpóranse á agrupación Manu Conde (guitarra) e Roi Casal (arpa celta).

También te puede interesar