Galicia

O patrimonio monumental galego analízase na Illa de San Simón

san simónA Illa de San Simón acolle hoxe a xornada Patrimonio Monumental. Castelos, Torres e Enclaves Históricos, organizada baixo o lema “O pasado ten futuro” pola Consellería de Cultura e Turismo e a recén creada Asociación de Concellos con Castelos, Torres e Enclaves Históricos. O conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela, clausurará a xornada coa que se pretende avanzar na coordinación entre as administracións e as institucións involucradas na protección xurídica deste patrimonio singular, recoñecido así pola Unión Europea, para a súa posta en valor como recurso cultural, histórico e turístico.

 A Consellería de Cultura e Turismo pretende relanzar con esta actuación a preservación e difusión destes bens inmobles e dos enclaves históricos (como a propia Illa de San Simón, o Couto Mixto ou a Muralla Romana de Lugo) que conforman unha especificidade cultural protexida pola Lei do Patrimonio Cultural de Galicia. Para acadar este obxectivo, a Consellería de Cultura e Turismo considera necesaria a implicación das administracións locais. Nesta liña de traballo,  participarán na reunión un total de 40 concellos galegos.

san simón 2Como escenarios cualificados e memoria colectiva de Galicia, os castelos, torres e enclaves históricos conservan asemade un potencial turístico que a Xunta de Galicia busca dinamizar nun momento crucial pola celebración do Xacobeo 2010. Deste xeito, Cultura estudará a inclusión deste reclamo nas plataformas tecnolóxicas máis axeitadas en resposta á demanda de información dos millóns de visitantes e turistas que se achegarán a Galicia.

 Desenvolvemento da xornada

O programa da xornada comezará coa intervención do alcalde de Celanova, Antonio Mouriño, quen abordará a importancia do legado monumental co relatorio “O Patrimonio, centro de interpretación histórica”. Un dos eixes centrais do encontro será o da preservación destes recursos, argumento que centrará as ponencias do alcalde de Redondela, Xaime Rei, e do fiscal superior de Galicia, Carlos Varela. Do mesmo xeito, o xefe superior de Policía de Galicia, Luis García Mañá, analizará o papel do Corpo Nacional de Policía sobre o patrimonio monumental.

También te puede interesar