Curiosidades Destacados

Investigadores da Universidade de Vigo descubren un manuscrito do século XVIII

Imaxe do manuscrito
Imaxe do manuscrito

Agochado na Biblioteca Nacional de Madrid, un grupo de investigadores do Departamento de Filoloxía Galega e Latina da Universidade vén de descubrir un manuscrito en galego datado no primeiro terzo do século XVIII. O texto, titulado Ystoria dela Santa Yglesia de Iria Flavia y translacion ala compostelana, ofrece un percorrido por diversas etapas da historia de Galicia, “dende a chegada do corpo do Apóstolo Santiago a Iria ata o reinado de Xoán II e o arcebispado de Don Xoán de Cerezuela, en Compostela”, explica Camiño Noia, directora do departamento. O manuscrito ten unha continuación xa en castelán que narra os feitos acontecidos ata a época de Felipe V.

A importancia deste achado convérteo nunha nova e importante ferramenta de traballo tanto para filólogos como para historiadores e axuda a arroxar luz sobre os séculos escuros da literatura galega. Trátase dun documento de valor incalculable, unha historia de Galicia máis completa ca que ofrecen os textos cos que viña traballando ata o de agora.

  • O achado, un punto de partida para futuras investigacións

O descubrimento deste texto pode convertese nun fito destacable tanto para o estudo da historia como da lingua, xa que ofrece aos investigadores unha nova ferramenta coa que traballar de agora en diante. Para os historiadores a súa relevancia radica en que se trata dunha historia de Galicia moi completa, con datos tirados de varias fontes e “os expertos nesta etapa histórica serán os que nos digan que hai nese texto”, apunta Camiño Noia. Para os filólogos é importante “porque está escrita no primeiro terzo do século XVIII, nos chamados séculos escuros na literatura galega, unha etapa practicamente erma para as nosas letras”, explica. Segundo os investigadores responsables do achado e do seu posterior estudo “ir atopando escritos na nosa lingua deses séculos ten moito interese, e indícanos que podemos seguir atopando máis textos”.
O texto foi atopado polo profesor Manuel Ángel Candelas Colodrón na Biblioteca Nacional de Madrid e transcrito e estudado pola propia Camiño Noia xunto co profesor Bieito Arias. O seu autor, o avogado dos Reales Consejos de Felipe V, Pedro Otero Romero y Torres, ofrécenos unha importante ferramenta de estudo sobre o pasado de Galicia xa que é “unha Historia de Iria máis extensa, no que se refire ao tratamento das diversas etapas históricas, que a Corónica de Santa Mª de Iria”, códice escrito por Rui Vasques en 1468. A lingua do texto de Ystoria dela Santa Yglesia de Iria Flavia y translacion ala compostelana conxuga grafías e léxico medievais coas da lingua do século XVIII e está centrada nestas dúas sés eclesiásticas.

Ademais este documento é un achado moi importante a nivel cultural e patrimonial para Galicia, “o que poderá contar cunha nova alfaia no seu patrimonio lingüístico e contribúe a encher as lagoas literarias dos chamados séculos escuros.

No vindeiro ano 2010 o documento será publicado pola Editorial Galaxia.

También te puede interesar