Ciencia y Tecnología Vigo al minuto

Concello, Adif e Xunta, dacordo na construción da Estación do AVE de Thom Mayne e dos seus accesos

O alcalde desprazouse este martes a Madrid para entrevistarse co ministro de Fomento, Íñigo de la Serna, o presidente do Administrador de Infraestruturas Ferroviarias (ADIF), Juan Bravo, e a conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, reunión na que todas as partes pecharon o acordo para a “execución dos accesos e nova vialidade urbana” na gran estación de Urzáiz.

Logo da reunión, Abel Caballero amosou a súa satisfacción porque “é un momento fundamental na cidade. Hai luz verde a todo o convenio para a estación de Thom Mayne”.

Á proposta do goberno local, indicou o alcalde, o convenio de colaboración a asinar entre o propio Concello, a Xunta e ADIF incluirá unha nova solución para os accesos á terminal e ao centro comercial Vialia, enmarcado na gran estación do AVE de Vigo deseñada polo prestixioso arquitecto Thom Mayne.

Cinco proxectos

A planificación global dos accesos -elemento central do acordo- divídese en cinco proxectos que totalizan un investimento de 10,7 millóns de euros, tal e como avanzou Caballero. O 62% do importe total correrá a cargo de ADIF, o 22% polo Concello e o 16% restante, pola Xunta.

Un primeiro proxecto corresponde ao tramo de 110 metros en túnel desde a rúa Lepanto ata a futura estación de autobuses, a executar polo Concello cun orzamento de 2,6 millóns a pagar ao 50% por Vigo e ADIF. O segundo será a conexión da terminal de autobuses coa AP- 9, un treito de 550 metros cun custe de 3,7 millóns a satisfacer ao 58% por ADIF e ao 42% pola Xunta, que acometerá a obra.

O terceiro proxecto incluído no convenio recolle o enlace entre a AP-9 e o centro Vialia, que correrá a cargo de ADIF integramente, cun presuposto de 2,6 millóns de euros para os 1.020 metros de lonxitude do traxecto. O cuarto é a demolición do paso elevado de Alfonso XIII, que executará e pagará o Concello cun orzamento de 875.000€.

O quinto e último dos proxectos do convenio atinxe ás instalacións e balizamentos e presenta un importe de 855.000€ a abonar entre as tres administracións: o 60% a cargo de ADIF, o 21% pola Xunta e o 19% polo Concello.

O Administrador de Infraestruturas Ferroviarias adicará amais 72.000 euros para a redacción dos cinco proxectos.

Prazos e tramitación

O obxectivo é aprobar estes proxectos antes de que remate o presente ano. Concello e ADIF prevén iniciar as obras no 2018 para poder así acompasalas aos traballos de construción do centro comercial de Thom Mayne, que presenta un prazo de execución de 24 meses.

Unha vez concluídas as obras, o Concello será o titular das mesmas e o encargado da súa xestión.  O proxecto do centro de Thom Mayne e os novos accesos serán tramitados polo procedemento establecido na Lei 3/2016. Así, o Concello de Vigo xa someteu a información pública o proxecto e a relación de bens e dereitos afectados pola expropiación -uns 350 metros cadrados- e emitiu asi mesmo un informe municipal favorable.

También te puede interesar