Cultura Sin sección

Nicolás Combarro pon o seu ‘punto de encontro’ no Marco

Una de las fotos de la muestra
Una de las fotos de la muestra

O MARCO presenta o cuarto proxecto da serie ‘PUNTOS DE ENCONTRO’, nesta ocasión co artista Nicolás Combarro. No contexto deste programa, os cinco artistas invitados —Pedro Barateiro, Manuel Eirís, Carlos Bunga, Nicolás Combarro e José Dávila— traballan sobre o concepto de cidade contemporánea como espazo heteroxéneo, onde se establecen relacións entrecruzadas. Todos eles teñen en común un interese cara ao contexto social ou arquitectónico, e formulan proxectos específicos para o Espazo Anexo do MARCO.

Nicolás Combarro naceu na Coruña en 1979, se ben a súa infancia transcorreu na cidade de Vigo. O seu proxecto para o Espazo Anexo do MARCO xira en torno aos espazos e conceptos de construción/deconstrución nun contexto urbano. Como nas outras propostas da serie ‘PUNTOS DE ENCONTRO’, no traballo de Combarro é fundamental a fase de investigación e documentación. Os tres elementos que conforman o su proxecto reflicten, en diferentes tempos, un proceso de achegamento á cidade de Vigo. Seis series de imaxes, recollidas en tres despregables; un vídeo que mostra un percorrido pola zona vella; e unha construción escultórica que ocupa o centro da sala de exposición.

O título do proxecto de Nicolás Combarro é reflexo dos intereses do artista e dos seus modos de proceder. ‘Obra negra’ é unha expresión que se usa en México para nomear espazos ou estruturas en construción. É unha fase, a priori transitoria, cunha realidade e unha estética propias que moitas veces acaba perpetuándose nun estado latente.

O proceso de traballo de Combarro parte dunha reflexión sobre o espazo e a construción. É un camiño de ida e volta entre a realidade, documentada xeralmente a partir de fotografías, e a abstracción, por medio de intervencións ou novas construcións realizadas polo artista neses lugares ou estruturas.

É a conclusión a un proceso no que a antiga Panificadora de Vigo se converte no centro dunha discusión conceptual sobre a existencia e repercusión dunha construción que acaba tendo un valor icónico, reivindicativo.

También te puede interesar