Destacados Galicia

Educando en igualdade

As actividades deste seminario, que pretende unha educación sen diferenciación de sexos, celebraranse na Illa de San Simón dende o vindeiro 3 de octubro. As prazas deben solicitarse antes do día 26 deste mes.

A Secretaría Xeral da Igualdade levará a cabo a décima edición dunhas Xornadas lúdico formativas baixo o lema Nais e Pais Educando en Igualdade na Illa de San Simón para fomentar a igualdade de xénero entre os membros das familias galegas. 

O programa da xornada comezará a partir das 10 horas, do vindeiro sábado 3 de outubro, no porto de San Adrián de Cobres, en Vilaboa, onde as familias participantes poderán embarcarse ate a Illa de San Simón, onde se desenvolverán as actividades. 

Desde a Secretaría Xeral da Igualdade recoñécese o “papel fundamental da familia no proceso de construción da personalidade” coa que nenas e nenos adquiren os seus primeiros coñecementos e aprenden a relacionarse co seu contorno, interiorizando determinadas pautas de coñecemento. Por esta razón o Seminario Permanente de Educación en Igualdade vén impulsando desde o ano 1998 a realización de xornadas de formación de xénero especificamente dirixidas ás persoas con responsabilidades familiares que teñen interese en ofrecer ás súas fillas e fillos unha educación en igualdade, libre de estereotipos de xénero. 

Esta décima xornada galega de Nais e Pais Educando en Igualdade pretende achegar recursos para a socialización nos valores da igualdade e do respecto, e que nais, pais, fillas e fillos disfruten, ao longo do día, de conferencias, obradoiros e xogos onde os membros da familia poidan compartir actividades coas que asuman e entendan a igualdade de roles entre mulleres e homes dun xeito natural.  

Para os asistentes máis pequenos, a partir de diversas actividades, coñeceranse figuras da historia que romperon os estereotipos de xénero na elección da súa profesión, fomentarase a responsabilidade nas tarefas do fogar, aprenderanse hábitos saudables e promoverase o respecto ao medio ambiente. 

A décima xornada galega de Nais e Pais Educando en Igualdade, ten un límite de 250 prazas e as nais e pais interesados deberán entregar as solicitudes no Servizo Galego de Igualdade antes do 26 de setembro. 

También te puede interesar